ACTOS 17 DE MAIO

O teatro escolar toma Bande na semana das Letras Galegas

Case 200 rapaces de Ourense, Pontevedra e Lugo desfilarán esta semana polo salón de actos do CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas de Bande coa posta en escena de obras propias e clásicos, nos Encontros de Teatro Escolar e Amateur

Os escolares do colexio Xoaquín Lourenzo Xocas de Bande  foron os encargados de levantar onte o telón dos “XIXX Encontros de Teatro escolar e Amateur”, que levan tres décadas enchendo arte e cultura a semana das Letras Galegas na capitalidade da Baixa Limia. ”É a 29 edición da nosa actividade por excelencia para celebrar o Día das Letras”, dixo a alcaldesa, Sandra Quintas, quen agradeceu “ao colexio e ao instituto, que vaiamos da man nesta actividade”, ademáis de animar ao alumnado “a que sigamos falando galego, que non perdamos a seña de identidade e lembrar de onde vimos”, dixo.

Bande inaugurou onte a 29 edición dos encontros de teatro escolar e amateur con centros de Ourense, Lugo e Pontevedra

Un apoio a lingua, “a mellor identidade dun pobo”, dixo o xefe territorial de Educación, Jorge Rubén Sampedro, na presentación dirixida aos nenos e pais congregados no salón de actos para asistir as primeiras representacións, que se prolongarán ata o mércores con preto de 200 escolares de 11 centros educativos. ”Ten que ser un orgullo para vós”, dixo pola antigüidade dun certame no que os protagonistas son os nenos. “Quen sabe, igual de aquí sae una actriz ou actor de prestixio… pero o importante e que este -polo 17 de maio- é o noso, día, un día de festa”, sinalou. Unha data que tiñan clara moitos dos citados onte en Bande, tanto polo estudo da figura de Luísa Villalta, homenaxeada deste ano, como por ser ”a festa de Raigame en Vilanova”, comentaban na delegación celanovesa.

Sobre o escenario

Celia ten oito anos e moi claro que de maior quere ser científica, pero desenvólvese con soltura no escenario. Lucía está algo máis nerviosa antes da súa actuación, pero ten claro que o seu é  a interpretación. As dúas cativas escenificaron “A revolta dos xoguetes”, a obra de teatro do Curros Enríquez de Celanova dirixida por Camila Álvarez. Polo escenario  tamén pasaron os cativos do centro anfitrión coa “A aula de tócame Roque”, dirixida por Martín Outeiriño e Esther Molina, e “A vendedora de Palabras”, do plurilingüe dos Blancos con Carmen González.

Hoxe martes, a quenda será para “Adulto por favores”, dos raparigos do Larouco e CEIP de Baltar;  “Cincento 2.4”, do Padre Feijoo de Allariz; “O enfermo imaxinario”, do CEIP Antonio Carpintero de Arbo, e “Salón de peiteado Lourdiñas”, do Xoán de Requeixo de Chantada. Mañá mércores, Escea Ceo e CaixaDesastre de Ourense, o CEIP Rogelio García Yáñez de Ramirás e pechará as xornadas o IES Aquis Querquernis con “A tía lambida“. 

Te puede interesar