CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Adolfo Prego, o repartidor de telégrafos

Fotografía actual da casa grande da Cabadiña -agora denominada Cavadiña-, ligada familiarmente ós Prego de Oliver.
photo_camera Fotografía actual da casa grande da Cabadiña -agora denominada Cavadiña-, ligada familiarmente ós Prego de Oliver.
En realidade, o seu nome de pía era Adolfo Prego de Oliver Domínguez porque, aínda que sempre asinou só como Prego -seu irmán Manuel, tamén-, o primeiro apelido proviña dun Prego de Oliver que aterrou en Ourense coa chegada do telégrafo

O falecemento da xornalista Víctoria Prego e a “telegráfica” referencia recorrente á súa “ascendencia ourensá” leváronme a tratar de afondar (alén da biografía pública e publicada de seu pai e da aínda máis coñecida para os ourensáns, do seu tío Manuel) no entorno da súa torgueira, así coma nas enigmáticas razóns que motivaron que seu pai percorrera o mundo ó longo de trinta anos sen regresar a Ourense. Sobre isto último non logrei saber, pero si algo de todo o demais que non forma parte -que eu saiba- das biografías oficiais.

Para saber de onde provén a semente ourensá de Víctoria Prego (a materna ten orixe na caste asturiana do alto mando militar Luis Tolivar de la Vega, a través da súa filla María Teresa) precísase afondar na hemeroteca ata “El Correo Gallego” do 19 de xaneiro de 1899, onde se pode ler que “ha sido promovido a director de primera clase el jefe de la sección de telégrafos de Orense, don Manuel Prego de Oliver”.

Un Prego de Oliver xa serodio, non en van, tan só un ano despois do ascenso acolleríase á xubilación, tamén anunciada na prensa, agora no xornal “El Miño”.

Habería que agardar oito anos para que emerxera un segundo Prego de Oliver na cidade. Sería anunciado tamén por “El Miño” en maio de 1908, informando de que “ha sido destinado a prestar sus servicios en esta provincia como jefe de reparaciones de telégrafos, don Manuel Prego de Oliver”.

Á vista dos datos, a lóxica e as informacións paralelas atesouradas aconsellan pensar en que o novo oficial de Telégrafos crecera residindo na capital e -para tomar posesión do novo cargo- retornaba dunha estadía temporal externa, pois tan só tres meses despois do seu nomeamento, andando polos 27 anos, casa coa outra parte imprescindible para o xermolo do clan familiar, como é “la bella señorita Emilia Domínguez Núñez”. E fano no lugar de “A Cabadiña, en donde los padres de la novia tienen su posesiones”.

Sobreenténdese, pola simple referencia ó predio, que “los padres de la novia” non eran uns humildes traballadores, senón dúas persoas de recoñecido prestixio na capital. El, Vicente Domínguez, eterno concelleiro de diversas causas en Ourense. E ela, Elvira Núñez Araujo, filla dos propietarios da casa grande de Astariz onde se daban cita tódalas ramas da proxenie dos Núñez Araújo representadas pola propia Elvira e as outras dúas irmás -un cuarto, Julián, falecera había anos- Felisa e Emilia, ámbalas dúas ben casadas. Co reitor da Universidade de Santiago e logo maxistrado, Ramón Nieto, a primeira. E co empregado de Facenda da Coruña, Enrique Vázquez, a segunda.

Pola súa banda, Elvira e Manuel asentan a súa residencia -nun principio en boas condicións económicas e sociais- na capital e, coa rápida chegada de María Elena ó fogar comezan unha prolífica “carreira” paterno-maternal que só remataría co nacemento do noveno fillo. Adolfo asoma en 1913 e, entre medias, ademais de Elena xa naceran tamén María Luisa e Victoria, para logo continuar, en 1915, o pintor Manuel e a seguir, Fernando, Isabel, Luis e José, que perdería a vida como voluntario requeté -sendo un neno aínda- na batalla do Jarama.

Lóxicamente, a medida que crecía a prole, tamén inchaban as necesidades domésticas, cousa que leva a Adolfo e Manuel, aínda nenos, a procurar algún traballo para axudar a palialas.

En referencia a Manuel, escribe Carlos Casares na “Enciclopedia Gallega” que, “circunstancias adversas que afectaron negativamente al, en otro tiempo, importante patrimonio familiar, lo obligaron a asumir responsabilidades cuando aún no contaba quince años”.

Pola súa banda, o “Diario de Comunicaciones” de 31 de decembro de 1926 anuncia o nomeamento de Adolfo Prego de Oliver como “repartidor de telégrafos, con el haber de mil pesetas anuales y destino en la Estación de Orense”. Tiña, entón, catorce anos e un futuro inmenso por descubrir e sobre o que escribir, que comezou felizmente nestas mesmas páxinas.


Os segredos da Cabadiña e o gran enigma que tivo a Adolfo trinta anos afastado de Ourense

Manuel e Adolfo durante a entrevista que este lle concedeu a Alvarez Alonso.
Manuel e Adolfo durante a entrevista que este lle concedeu a Alvarez Alonso.

Que pasou para que “A Cabadiña” fundise a negro na vida cotiá dos Prego de Oliver (cando menos nas notas de sociedade da prensa) e para que Adolfo Prego deixase pasar  nada menos ca trinta anos da súa vida viaxeira sen regresar a Ourense, é un enigma que é de supoñer que forma parte do clan e que aí debe quedar. É dicir, na intimidade dos seus descendentes.

Esta mesma pregunta fixéronlla, en dous momentos de 1971, ó propio Adolfo, Maribel Outeiriño e Francisco Álvarez Alonso e ás dúas lles deu resposta evasiva.

O que se desprende da prensa da época é que o afastamento da quinta coincide coa desaparición do avó dos Prego e, posteriormente, coa chegada da República -primeiro- e a seguir co comezo da Guerra Civil, que o esnafra todo.

Logo da iniciática experiencia laboral de ambos, Adolfo e Manuel céntranse nos estudos de Maxisterio, mentres as súas tías Felisa e Emilia e sobre todo os fillos da primeira -Andrés, militar, e Abelardo, avogado que chega a gobernador de Castellón-, aparecen en tódalas referencias como propietarios da finca na que Abelardo acaba sendo velado en 1935 ó ser atropelado por un coche á saída das oficinas ourensás da sociedade eléctrica.

Mentres Manuel consegue praza como mestre en Tameirón (A Gudiña) e logo en San Mamede de Urrós (Allariz), con só vinte anos Adolfo comeza o oficio de xornalista en La Región e mesmo a implicarse politicamente en “Dereita Galeguista”, a formación promovida polos católicos do Partido Galeguista reacios a integrarse na Fronte Popular.

Fronte ó conflito civil, no clan as reaccións son diversas. Fernando e José intégranse nos requetés. Manuel acaba sendo depurado e abandona definitivamente o maxisterio para, dende Ourense, dedicarse en corpo e alma á pintura. Isabel é sancionada por non asistir á chamada da Sección Feminina e nun momento dado unha parte da familia, cos pais á fronte, deciden trasladárense a Madrid, onde Adolfo inicia unha carreira xornalística que o acaba colocando no cumio da profesión ata o seu falecemento no ano 2000. Unha familia que -coma tantas- pode resumirse impresa na esquela do patriarca, Manuel Prego de Oliver Feliú, falecido en Madrid o 16 de febreiro de 1961, cando tiña 90 anos.

Te puede interesar
Más en Sociedad