Opinión

A invalidez das palabras

As palabras, como están formadas só por aire que sae do corpo pola gorxa, e rozando aquí e alá co ceo da boca, co nariz, coa lingua, cos dentes, cos labios... pero que non por tales roces deixa de ser só aire, valen pouco. Por iso, pola contra, valen moito as xentes que dotan de consistencia, de seguridade ese fío longo e esvaído de sons e aire: “É unha persoa de palabra”. Si. Hai anos era unha das gabanzas maiores. Unha persoa de palabra, de “creto”, na que confiar. Pero para que vexan o pouco que valen as palabras, hai algunhas que chegan a significar exactamente cousas contrarias, os autoantónimos. Por exemplo, alugar. Se digo que “Manuel alugou un piso”, de partida non sabemos se o Manuel pode ser o propietario que o pon no mercado ou o inquilino que acaba de entrar. 

E así existen os autoantónimos políticos. Porque as persoas imos dotando as palabras de contidos que evolucionan. Podemos dicir, por exemplo, que desde a fin da II Guerra Mundial ata finais dos anos oitenta do século XX, a parte leste de Alemaña chamábase República Democrática Alemá, pero era en realidade a ditadura comunista onde mandaba, coa complicidade popular, a policía política, a Stassi. A outra era a República Federal Alemá, que era onde ían os nosos emigrantes para coñecer de primeira man a industrialización, o benestar e a democracia. Si. Tamén se chama hoxe República Popular e Democrática de Corea, e é unha monarquía absolutista -vai pola terceira xeración ao mando- e de democrática ten o que teño eu de coreano. 

E si. Na Alemaña previa á II Guerra Mundial e durante ela, mandou o Partido Nacional Socialista, por nome curto, “nazi”, inimigo feroz do Partido Socialdemócrata Alemán, que leva este nome desde 1890 e que se reclamaba e reclama partidario dun socialismo democrático. 

En fin, é mellor mirar fixo nos ollos da realidade e o máis liberados de prexuízos que poidamos, antes que confiar cegamente nas palabras escoitadas. Ademais, Goebbles, o primeiro grande xenio da comunicación moderna, ensinounos nos seus once principios da propaganda como se manipula as masas, cousa fácil nuns tempos da hipercomunicación fluída e constante como os actuais. Agora os argumentarios difundidos pola mañá entre as forzas políticas reprodúcense de inmediato pola capilaridade das redes, e así, a simplificación do inimigo único, a transposición dos propios erros, a esaxeración e desfiguración, a vulgarización, a orquestración, a renovación constante dos insultos, a silenciación dos discordes, a busca única da verosimilitude sen que importe a veracidade e a presunción de “unanimidade” -todos pensan así, non vaias quedar fóra-, impóñense. 

Fondo defensor da Transición ata a moderna democracia coroada social e autonómica, creo que debemos estar orgullosos daquel espírito e acordos como o estabamos hai trinta anos. A Transición foi a vontade de superar a ditadura asumindo a superioridade moral da idea republicana na Guerra Civil fronte ás forzas de Franco, e deixándolle os temas de historia aos historiadores, pois a memoria, obviamente, é unha facultade individual que non compete aos poderes públicos. O propio PCE chamara á reconciliación en 1956. A nova sociedade nacida en 1977 só mirou atrás para selar a reconciliación. Marcelino Camacho foi o exemplo. Descartado o pasado como ferramenta política, España abrazouse de feito e de iure na nova democracia. Ningún dos novos actores tiña nada que ver coa vella traxedia superada. E hoxe, desde o sacro respecto ás liberdades de opinión e prensa, vexo que convén sosego e acougo. E menos mal que estamos na OTAN e en Europa. Doutro xeito deixábannos escorregar, seguro. 

Te puede interesar