Opinión

Arriscada producción

Cunha historia aparentemente sinxela (o soño dun mozo proxectista por chegar a ser un gran detective, por alcanzar a fama de Sherlock Holmes), Buster Keaton realiza unha das súas grandes películas. “O moderno Sherlock Holmes” (1924) pasa desapercibida para moita xente, polo que se converte nunha obra máis do prestixioso director de “O maquinista da Xeneral” (1926), película que historicamente atopase por encima de todas as demais.

As novidades que ofrece “O moderno Sherlock Holmes” céntranse no desdobramento da personalidade e a participación do propio cine na historia como decorado e como personaxe. O tema onírico xa o esbozara, xa o bosquexara anos antes en películas como “O gran espectáculo” (1921), “Soños imposibles” (1922) e “Niño de amor” (1923). Porén, a primeira parte da película convértese nun dos momentos máis singulares da mesma, nun auténtico manifesto sobre a ilusión de realidade, que outros autores non lograron realizar coa mesma liberdade e mestría. Se a primeira impresión que se ten é a de asistir a unha proxección, o mesmo Keaton explica que prepararon un escenario cunha pantalla de cine e dentro da mesma os diversos decorados que van aparecendo. A iluminación é o que produce a ilusión de estar vendo unha película, por canto que é máis pronunciada. Os decorados substituíanse milimetricamente unha vez que o personaxe desenvolvera unha nova acción. O cine sofre pois unha transformación, convértese en cómplice do artista que, como se se tratara dun mago, fai aparecer e desaparecer as imaxes que pestanexan ante o atónito espectador que se sorprende con cada novo fotograma. O decorado toma vida intentando desbaratar, estragar os desexos do proxectista soñador; é o personaxe visible e oculto ó mesmo tempo que non desexa participar no xogo do aspirante a detective.

“O moderno Sherlock Holmes” foi unha arriscada produción pola súa concepción e rodaxe. A meticulosa perfección de Buster Keaton lévao a coidar non só o desenvolvemento da película, senón tamén a súa propia interpretación, na que, á vez de reforzar o seu xesto e recorrer ou apelar ó símbolo máis identificable (espello, caixa forte, etcétera), amósase como un gran acróbata, que, por certo, Keaton non era amigo de que o dobraran nas escenas perigosas.

Te puede interesar