Opinión

Piratas entrañables

Nas películas de Hollywood as actividades dos piratas adoptaron un ton idealizado e lixeiro, que as asemellaba máis a contos de fadas que ó negocio sucio e sanguento como era. Douglas Fairbanks encarnou á perfección ese estado de ánimo na súa emocionante “O pirata negro” (1926). Rodada polo procedemento bicromático Technicolor, é unha obra deliberadamente concibida para reflectir un universo estilizado e autosuficiente, o entorno perfecto para as aventuras románticas e as proezas e acrobacias do seu protagonista.

“O pirata negro” é, sen dúbida, a mellor películas de Douglas Fairbanks, unha obra lixeira, pero chea de vigor e graza, esencialmente cinematográfica tanto na súa concepción coma na súa execución. Ó igual que os decorados e o vestiario, o argumento está vigorosamente estilizado, e os personaxes son arquetipos. Tal argumento escribiuno o propio Fairbanks co alcume de Elton Thomas.

Os piratas amósanse coma homes desesperados, audaces e crueis, e os seus xefes son supermalos, pero as súas perversas accións están disimuladas por un delicioso ton de humor negro, que os converte en case entrañables. O capitán dos piratas revela o seu verdadeiro carácter case desde o principio. Cando captura un barco, obriga ós pasaxeiros a poñerse en fila e a entregar todos os obxectos de valor que teñan. Un deles prefire tragar un anel a entregalo; os ollos do capitán brillan maliciosamente, mentres sae de campo, con coitelo na man. No plano seguinte entra de novo en campo, co anel na man e o coitelo ensanguentado na outra.

No lado do Ben e Xustiza, a actriz protagonista está resplandecente como a adorable e vulnerable Princesa. Donald Crisp, moi maquillado e xesticulante, resulta do máis divertido coma o pirata escocés coa típica faldra, que se converte en ingrediente esencial de case todas as películas de piratas.

Por encima de todos está o propio Fairbanks. Moi atractivo vestido de negro, realiza toda clase de proezas e acrobacias, verdadeiros números de virtuoso, coidadosamente concibidos e ensaiados cun coreógrafo, aínda que na escena na que se deixa caer pola vela do barco seica a realizou o especialista Richard Talmdge. Queda por dicir que, “O pirata negro”, é das primeiras grandes películas de aventuras.

Te puede interesar