Opinión

Son o home que...

Son o home que un día dixo que a vida ten a súa fin. Tamén son o mesmo que outra vez dixen que era inmortal. É mentira. Morrerei coma todo o mundo. Se non me matan antes, que é o mesmo que morrer, pero doutra maneira. Tamén queda a opción de que me mate eu mesmo; ou ben por suicidio -que non teño intención- ou ben por accidente. Xa sei que me puxen en plan tráxico. Foi a puta primeira frase.

Tamén son dos que sei cambiar para ben. Para unha felicidade compartida. Ou sen compartir. Cando quero non preciso de ninguén para estar ben. Mellor só que mal acompañado, non si? Estando só podo cantar polo baixiño e sen que me digan que canto moi mal.

Son o home que soñou co espazo sideral na procura dun extraterrestre. E chouto de planeta en planeta desde o sofá. E deito sobre o corno da lúa en cuarto crecente. En cuarto minguante tan só sento. Son o fillo de Ludivina e Evaristo, Os Toupeiros da Serra. Son fillo vinculeiro.

Tamén son o que estudou Xeografía por medio das novelas do Oeste e a Historia contemplando películas desde o mesmo sofá no que soño co universo infinito, é dicir, co meu universo. Son o laretas que escribe que o verso solto sae da flor do toxo para, co tempo, compoñer todo un poema. Son o antipolítico que desexa un nacionalismo galego urxente e eterno. Son a canción que soa e o vento que zoa, a pinga de auga e a cara lavada. Son o ruxerruxe do bambán, a sombra que me asombra e a noite de entresoño que se alonga, que se alonga, que se alonga. Son o home que chegará á súa fin. Mentres non chega... a vivir!

Te puede interesar