Opinión

Seguiranse impoñendo na UE os intereses dunha minoría

Parece evidente que os países que forman a OTAN, especialmente os Estados Unidos (USA) polo seu papel hexemónico, queren impoñer o relato de que entregando máis recursos económicos, así como avións e mísiles de longa distancia á Ucraína, o resultado da guerra pode mudar de orientación, poñendo contra as cordas á Federación Rusa (FR). Polo tanto o cambio estaría garantido polos máis de 60 mil millóns de dólares que vai achegar este ano os USA ao Governo de Zelenski, sumados aos máis de 50 mil millóns que lle entregaría a Unión Europea (UE). As preguntas que non se contestan son: de onde saen hoxe estas achegas e o aumento do gasto militar en cada país? Será en detrimento dos servizos e prestacións básicas?... Está hipotecando Ucraína a sectores claves ou faise por solidariedade?... O certo é que no Estado español EE) pouco se debate no Parlamento destes temas e tampouco se informa abondo á sociedade respecto do aumento dos gastos en defensa e pola participación indirecta na guerra. Son cuestións que se tratan como secretos de Estado, malia ter tanta relevancia pra sociedade. 

Todo reflicte que este obxectivo de “occidente” é moi difícil de acadar tendo en consideración a correlación de forzas actuais na liña de fronte, a superioridade da FR en efectivos e armamento, pra alén de que o apoio da OTAN lle garanta algúns éxitos tácticos e conxunturais ao réxime de Kiev. Algo que saben tanto Washington como Bruxelas, así como que a duración da guerra vai destruír completamente as zonas que serviron de fronte de batalla, boa parte das infraestruturas e medios de produción de enerxía, e sobre todo perderase unha parte importante da povoación, especialmente dos homes en idade militar, mortos ou gravemente feridos. Ao que hai que engadir a millóns de persoas desprazadas dentro do territorio e sobre todo emigradas ao exterior, tanto á UE como a Rusia. Dise que a povoación da Ucraína, controlada por Zelenski, atinxe os 32 millóns de persoas (no ano 2000 era 49 millóns). Hoxe é cinco veces menor que na Federación Rusa. 

A única razón real pra dar continuidade a unha guerra que o G-7+OTAN non pode gañar, dado que a confrontación é entre potencias nucleares, é a de evitar que un acordo neste intre apareza como un triunfo de Moscova, xa que tería un efecto negativo pra aqueles partidos que lle dan folgos en USA e a UE. Coidan que aceptar un acordo (a derrota) incidiría negativamente pra estas forzas nos próximos procesos electorais durante este ano (xuño e novembro). Outro aspecto, cun carácter xeo-estratéxico, que non se pode obviar, é a confrontación entre as potencias emerxentes (especialmente China e Rusia) por lograr unhas relacións equilibradas, multipolares, superando o mundo unipolar con centro nos Estados Unidos e seus aliados, que teñen un papel subimperialista na cadea de valor (isto como consecuencia da caída da Unión Soviética e o rol neocolonial de moitos países periféricos no sistema). 

Todo reflicte que Rusia non vai perder esta guerra, e de durar máis podería expandir as súas fronteiras até comprender plenamente as rexións que anexou (nun referendo), non irá máis alá. Ademais, as sancións de “occidente” tampouco causaron os efectos negativos na economía e o emprego, coa pretensión de recrear o descontente social e limitar a produción de municións e armamento na FR. Agás unha pequena caída do PIB no ano 2022 e a taxa de desemprego era do 3,7% no 4º trimestre dese ano. No ano 2023 o PIB medrou un 3,6%, mentres que en Alemaña, a locomotora da UE, recuaba en -0,3% e todo indica que seu crecemento será mínimo este ano, en boa medida polo aumento dos prezos da enerxía. En resumo: a única saída é a paz, e cando máis rápido o acordo mellor, especialmente pra Unión Europea... Seguiranse impondo os intereses tácticos dunha minoría?

Te puede interesar