As “Tapiñas” do Concello de Xinzo de Limia deron comezo onte, e prolongaranse todos os xoves durante un mes. Esta é a primeira acción acometida pola Asociación de Hostaleiros, onde 13 dos seus 18 membros participan ata o 23 de maio, de 19,00 horas ata 22,30 horas (ou ata finais de existencias).
O custe da tapiña é de 2 euros por unidade e pódense atopar tapas de moi variados estilos e produtos co fin de que cada hostaleiro dé renda solta á súa imaxinación. Co fin de fomentar ademais a participación da clientela na primeira edición das Tapiñas, a Asociación de Hostaleiros da Limia sorteará entre todos os clientes que logren encher todo o cartón co cuño dos 13 establecementos participantes nesta edición, unhas entradas para “O Son do Camiño” deste ano, que se celebrará os días 30 e 31 de maio, e 1 de xuño.
Os cartóns serán recollidos nos propios establecementos participantes, onde tamén poderán ser entregados unha vez cumprimentados.