ECOAGRO

O GDR-10 licita en Sandiás a sega e xestión da Finca Antela

Finca Antela da Deputación de Ourense cedida ao GDR-10 para o proxecto Aterra durante 25 anos.
photo_camera Finca Antela da Deputación de Ourense cedida ao GDR-10 para o proxecto Aterra durante 25 anos.
Xa está aberto o prazo de licitación da herba das 49 hectáreas e dos terreos aos produtores

O proxecto Aterra sigue dando pasos para o impulso de novos proxectos agrarios nos 25 municipios que forman parte do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, no marco da Estratexia de Desenvolvemento Local 2023-2027. A incorporación das parcelas que forman a Finca Antela, propiedade da Deputación de Ourense en Sandiás e que durante os vindeiros 25 anos serán xestionados polo GDR-10 tras o acordo adoptado a semana pasada, permite sumar 49 hectáreas a un proxecto que se puxo en marcha en novembro de 2022 para apoiar as novas explotacións agrarias, así como o mantemento das que xa existen nas comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terra de Celanova.

No marco dese convenio, dende hoxe 30 de abril e durante 7 días naturais, está aberto o prazo para presentar as ofertas para a sega da herba, paso previo a súa posta en produción da Finca Antela. “O obxectivo é que as parcelas estean acondicionadas para o uso agrícola antes de ser arrendadas”, subliñan dende o GDR, que cifrou en 3.500 euros o prezo base de licitación, debendo realizarse a sega entre o 15 de xuño e o 15 de agosto.

O proceso de licitación da sega coincide coa apertura do prazo para que os  agricultores e gandeiros profesionais da zona poidan facer a súa solicitude para o arrendamento das parcelas da finca, cun prezo de 300 euros por hectárea e ano. Ata o 15 de maio, as persoas interesadas poderán rexistrar a súa solicitude, incluíndo período máximo de arrendamento e o tipo de cultivo, no apartado “Demandar terras” que se atopa na páxina web aterra.gal.

A incorporación da Finca Antela de Sandiás permitiu ampliar de forma considerable o fondo de Aterra. Neste primeiro ano de actividade, o proxecto mobilizou máis de 100.000 m2 de terreos en desuso mediante compravenda e case 33.000 m2 en réxime de aluguer. A través dun visor na páxina web do proxecto pódense consultar as ofertas de  venda, aluguer ou cesión de 79 parcelas de 22 propietarios diferentes. Con respecto a demanda, na actualidade hai 30 rexistros que teñen como finalidade a ampliación da base territorial da explotación ou a incorporación á actividade agraria ou gandeira.

Te puede interesar