LA REGIÓN TELEVISIÓN

“Os ríos da vida”, un novo programa da TVG para coñecer a Galicia natural

David González, un dos cámaras do equipo, gravando nos canóns do río Sil.
photo_camera David González, un dos cámaras do equipo, gravando nos canóns do río Sil.
A serie de 13 capítulos de 50 minutos cada un, producida por La Región Televisión, marca un fito na TVG na divulgación da natureza e do turismo a través dos grandes ríos do país

"Mergulleime no río, na mesma desembocadura do Eo, en Ribadeo, nada... uns metros, oito ou nove. Vin toda aquela vida que había alí. Sentinme parte dela. Creo que saín nova. Foi unha conexión especial”, conta Laura Vaqueiro, a presentadora de “Os ríos da vida”, trece relatos documentais sobre os principais caudais do país, unha serie producida por La Región Televisión e que xa leva emitidos tres capítulos na TVG

Laura di que sentiu unha chea de emocións gravando cada un dos episodios. “Ao final foi iso: conectarme máis á nosa terra. Vela paisaxe xunto á xente que habita esa paisaxe, como nos canóns do Sil, entre as viñas, os barcos, a xente a traballar”.

“Todos coñecemos os grandes ríos do país, mais puntos concretos. Nós, o que intentamos coa serie, que vai dirixida a unha audiencia galega, e dar a coñecer máis en profundidade estes ríos. E despois de centos de quilómetros descubrindo lugares espectaculares, diría que poderíamos facer outra serie completa, cos mesmos ríos, sen repetir ningún lugar e que a serie resultase igual de emocionante”, di Matías Tarrío, o director de “Os ríos da vida”, que condensou unha viaxe polos ríos principais como nunca antes se viu, a través de cámaras e drons que capturan toda a beleza da paisaxe nunha serie completa, amistosa e pioneira, que adopta unha mirada desde o corazón da terra.   

A presentadora, cun pescador de carpa en Augas Mestas, no Sil.
A presentadora, cun pescador de carpa en Augas Mestas, no Sil.

Porque “Os ríos da vida”, din os seus creadores, é algo máis que unha descrición dos leitos, mansíos, retortas e presas. Incorpora ás xentes vinculadas á contorna, desde un pescador de lamprea no Miño até un buscador de ouro no Montefurado, no Sil. 

“Nunha aldea á beira do Eo unha velliña contounos como, cando nena, na casa a comida viña case toda do río: as troitas, os salmóns e outros peixes”, lembra Tarrío, que é da zona de Compostela, de Sigüeiro, é ten, coma calquera, o seu propio río. No seu caso, o Maruzo, que nace en terras de Mesía e desemboca no Tambre entre Oroso e Frades. “É o río da miña infancia, onde aprendín a nadar e onde pesquei a primeira troita”.

Laura, escalando xunto ao Tambre.
Laura, escalando xunto ao Tambre.

O de Laura Vaqueiro, a presentadora, e o Alvedosa, un regato da parroquia de Reboreda en Redondela, que nace en Pazos de Borbén e despois dunha ducia de quilómetros desemboca na enseada de San Simón, no mar de Vigo. 

“Son recordos de nena, coas amigas. Nós non iamos a praia, cando deixaron que saísemos soas, empezamos indo ao río. Era unha aventura cada día. Pasabamos o ano esperando aqueles veráns”.

“Os ríos da vida” tamén fala da arquitectura que medrou a carón dos ríos e das lendas e historias nas que os ríos andaron polo medio. Para iso incorpora a tecnoloxía 3D, coa que reconstrúe pontes, muíños ou embarcacións. E tamén a 2D, para as personaxes de lendas ou historias que teñen tamén a ríos como protagonistas

Hai xentes de hoxe e de onte, como ese buscador de ouro que ensina á presentadora, Laura Vaqueiro, como se facía no tempo dos romanos. Ou Ezequiel Mosquera, o exciclista, un escalador do asfalto que descubriu para as grandes rutas o Ézaro, a xa moi famosa Fervenza do Xallas. 

A serie, que pretende atraer a atención de “toda a familia”, é ademais unha guía de ocio para eses viaxeiros que saen na procura de experiencias que, non o saben aínda, se poden atopar moito máis preto, a carón de calquera río. 

O coello de Indias e o tigre

Cada programa inclúe algunha proposta de lecer, desde o pádel-surf á escalada, desde o ráfting até o submarinismo, pasando pola navegación... e, sempre, a pesca. “Eu son un pouco como o coello de Indias dos espectadores. Teño que probar a actividade ou experiencia que se ofreza en cada momento. O do buscador de ouro estivo ben, pero tamén hai un encontro cun tigre. Si, un tigre de Bengala. E unha experiencia nun voo en ultralixeiro... E xa non conto máis”, di Laura Vaqueiro, quen confesa que xunto as emocións da paisaxe e dos encontros con veciñas e veciños que relatan o que foi e o que é a vida na beira dos ríos, quedáronlle fixadas certas “prácticas extremas”, di rindo.

A serie rodouse en dous meses do último verán. O bo tempo, a luz durante moitas horas, eran elementos necesarios para retratar os ríos con paciencia e afecto. O caudal non foi un problema, conta o director, Matías. “Nesa época aínda levan bastante auga, cara a setembro é cando baixan máis”. E no verán, tamén, a vida tamén está máis activa. O verán, ademais, permite unha viaxe demorada. 

Sucos no Sil

Así, no enorme Sil, por exemplo, a cámara empezou a gravar en Quereño, Rubiá, onde o río entra en Galicia. E seguiron polas terras de Valdeorras -facendo ráfting desde Carballeda até O Barco. Na vila sentaron no Malecón para falar de historias con Mary, de Viloira. Despois estiveron cun pescador, David, no encoro de Augas Mestas, tentando ás carpas. Pasaron polo Montefurado, o xeólogo Fran Canosa foi quen lles ensinou a batear ouro... “e continuamos a bordo dun catamarán asucando as augas do río”, lembran.

Do Miño ao Eo, a serie estará dispoñible este mes en Agalega

As cámaras de “Os ríos da vida” recolleron un verán, o do ano 2023, no Miño, no Sil, no Mandeo -os tres capítulos xa emitidos pola TVG-, e tamén no Ulla, o Xallas, o Deza, o Tambre, o Umia, o Eume, o Lérez, o Verdugo, o Anllóns e, finalmente, o Eo. A serie estase a estrear na Televisión Pública galega e estará dispoñible a finais deste mes de maio na plataforma de contidos Agalega.gal, o gran arquivo dixital de contidos da Galega.

A produtora, que xa ten en antena o programa diario de cociña “Estache bo!”, xa prepara a terceira tempada dunha serie relacionada coas comisións de festas e tamén ten en carteira un concurso, próximo a estrearse, e un “reality show”.

Podes ver o programa todos os domingos ás 18:45 horas na Televisión de Galicia.

Te puede interesar