LITERATURA

Ángel Carracelas presenta un libro en Verín que teoriza que Cristóbal Colón foi galego

Biblioteca de Verín.
photo_camera Biblioteca de Verín.
A Biblioteca Municipal de Verín acolle este xoves, ás 19,30 horas, a presentación do libro “La huella de Pedro Madruga en Cristóbal Colón”, que contará co seu autor, Ángel Carracelas Requejo

Na obra, Carracelas presenta unha achega impresionante de documentación, a meirande parte inédita, e que sostén a teoría de que o descubridor Cristóbal Colón naceu en Galicia, seguindo a liña marcada anteriormente por investigadores como Celso García de la Riega e Alfonso Philippot.

Ángel Carracelas, nado en Cangas do Morrazo no ano 1962, adicouse profesionalmente ao mar e ao sector pesqueiro, cunha experiencia de máis de 30 anos en lugares como o Gran Sol, Sudáfrica, Canadá ou as Malvinas, levando a cabo prospeccións de investigación mariña, entroutros traballos.

Alén disto, tamén é un apaixonado da historia e da investigación. O ensaio que presenta hoxe en Verín é froito dunha labor de máis de dez anos de traballo recopilando fontes historiográficas.

A través deste traballo, chegou a conclusión de que Galicia foi o berce do descubridor, ademais da súa máis que posible relación con Pedro Alvarez de Soutomaior (Conde de Caminha, Vizconde de Tui e Mariscal de Baiona), popularmente coñecido como Pedro Madruga.

Te puede interesar