Opinión

Baños de Molgas contra o Mediterráneo

Serrat di que naceu no Mediterráneo. Eu nacín en Baños de Molgas, e nin punto de comparación. O Mediterráneo é todo auga, mentres que en Baños de Molgas temos de todo. Incluso auga quente! Ó lado, á beira mesmo das augas -algo máis frías- do río Arnoia. O Mediterráneo, nos meses de verán, é un formigueiro. En Baños de Molgas ocupamos pouco máis que a Ansuíña, e coma Deus. En Baños de Molgas temos a Pitediña, apta para que aterren as naves espaciais que cheguen de máis alá das estrelas. Temos As Mestras, onde media ducia de carballos contan a historia de amores adolescentes baixo sombras inmensas. A estación do ferrocarril é memoria viva do pasado, do presente e confío en que sexa tamén do futuro.

Desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas asubiamos tan bonito que, o son, chega ata as ladeiras de Sudalomba, alá polo monte Medo. E se esaxero un chisco, só un pouquiño, tal asubío alcanza mesmo os campanarios das torres do santuario dos Milagres.

En Baños de Molgas cruzamos o Arnoia pola ponte vella ou romana (aínda que disto só lle queden as bases), pola ponte nova e polas pasarelas do muíño, das piscinas e das Mestras. As pontes de Pinouzos e das Cabras -ou do Medo- xa están algo afastadas da localidade e, neste caso, case non procede. Simplemente porque non me dá a gana.

En Baños de Molgas temos a burga, o balneario (que xa veremos en que queda), o licor café, a Aira de Arriba e, faltaría máis, o mazadoiro da burga, quizais a icona máis representativa da expresión social dos molgueses. O mazadoiro é coma o Congreso dos Deputados, coma unha aula universitaria e coma un parladoiro televisivo. Como se adoita dicir: se esa pedra falara ou falase...

Te puede interesar