Opinión

O maquinista valente

Cando lle preguntaron por que pensaba que “O maquinista da Xeneral” (1926) resultaba máis auténtica como película sobre a guerra de Secesión norteamericana que “Foise co vento” (1939), Buster Keaton respondeu modestamente: “Ben, eles recorreron a unha novela para atopar o argumento, mentres que nós recorremos á propia Historia”.

En “O maquinista da Xeneral”, a acción dramática e as invencións cómicas están perfectamente integradas; a trama non semella ser nunca un mero pretexto para os gags, nin estes simples adornos metidos á forza na narrativa.

Todos e cada un dos planos da película resultan tan auténticos e recordan tan á perfección a Guerra de Secesión como as fotografías de Matthew Brady. Keaton tivo que buscar unha rexión na que aínda houbese un ferrocarril de vía estreita, sobre cuxas vías puideran correr as dúas locomotoras antigas, coidadosamente construídas para ese fin. A película rodouse por fin nas impresionantes paisaxes montañosas e boscosas de Oregón. A insistencia de Buster Keaton de que as locomotoras funcionasen con leña provocou un incendio forestal durante a rodaxe. Esta preocupación pola autenticidade estendeuse a todos e cada un dos aspectos do filme, e Keaton semella que utilizou toda a Garda do Estado de Oregón para as escenas de batallas. Resulta tamén inesquecible a escena do derrubamento da ponte e da caída da locomotora ata o fondo dun profundo barranco.

“O maquinista da Xeneral” é unha antoloxía dos mellores gags ferroviarios da historia do cine, e as súas ideas aínda as imitan hoxe en día algúns actores cómicos. A partir dos problemas do protagonista co combustible, Keaton creou unha serie de gags; cando todo parece perdido, pasa baixo unha ponte ocupada polo inimigo, e os troncos que lle guindan, que lle lanzan sérvenlle para que lle siga funcionando a locomotora.

Porén, “O maquinista da Xeneral” resulta menos memorable polos seus gags que polo seu retrato dun home pequeno e solitario, pero valente, abnegado e disposto a non deixarse arrebatar as dúas cousas que máis quere no mundo: a locomotora e a súa idolatrada noiva, interpretada pola actriz Marion Mack. Auténtica obra mestra que nunca cansarei de ver.

Te puede interesar