MEDIO AMBIENTE

Alumnos do Lagoa de Antela crean o seu refuxio ecolóxico

7414689Alumnos do IES Lagoa de Antela creando unha charca no patio do instituto.
photo_camera 7414689Alumnos do IES Lagoa de Antela creando unha charca no patio do instituto.
O proxecto “Refuxios” é unha iniciativa que quere concienciar ao alumnado sobre o valor ambiental dos pequenos humidais

O IES Lagoa de Antela realizou unha actividade co alumnado e as súas familias. Esta actividade enmárcase dentro do proxecto “Refuxios”, unha iniciativa que comezou a andar en abril deste 2024 no IES limián e que ten como obxectivo a creación de refuxios no patio do instituto. 

O proxecto Refuxios foi seleccionado na convocatoria europea “Probleu”, onde se financian iniciativas relacionados coa protección da augas oceánicas e continentais, e foi escollido entre máis de 80 candidaturas de 19 países da Unión Europea. Refuxios é unha proposta multidisciplinar na que colaboran as materias de Educación Plástica Visual e Audiovisual e Bioloxía e Xeoloxía de 1º ESO, e tamén de Lingua Galega e Inglés do mesmo curso. As accións están deseñadas para os 92 alumnos deste curso.

Valor ambiental

“Refuxios” quere concienciar ao alumnado do IES Lagoa de Antela sobre o valor ambiental dos pequenos humidais. Facendo alusión a antiga Lagoa de Antela, o alumnado xa comezou a traballar deseñando e creando unha zona bio-inclusiva nun espazo do centro, co obxectivo de incrementar a biodiversidade. A súa principal proposta foi a creación dun refuxio húmido, unha charca ou estanque. A partir dela, durante varias xornadas, os cinco grupos de alumnos de 1º da ESO participaron nos traballos de campo coa ferramenta axeitada para realizar dous buratos que serán a principal área deste pequeno humidal.

No futuro, este lugar servirá de refuxio a plantas acuáticas, anfibios, aves e invertebrados, sendo tamén unha pequena homenaxe á desaparecida Lagoa de Antela, e será un interesante recurso didáctico para o centro ao que a rapazada poderá achegarse para descubrir a biodiversidade. 

As charcas ou pequenos humidais son espazos de alto valor ecolóxico xa que, ocupando moi pouco espazo, albergan unha grande variedade de formas de vida. Son indispensables como corredores ecolóxicos para numerosas especies (moitas delas en perigo de extinción), funcionan como almacén de auga, loitando contra as secas e tamén mitigando as cheas, son sumidoiros de CO2, polo que axudan a loitar contra o cambio climático e ademáis son un espazo de goce e recreación para o alumnado.

Te puede interesar