Vilanova reunirá 120 artesáns e 23 agrupacións en Raigame

A romaría Raigame homenaxeará o día 17 aos dulceiros e premiará co “Adolfo Enríquez” as irmás Isolinas

As Isolinas, as irmás que durante máis de 50 anos conquistaron cos seus “bolos” os padais dos celanoveses co seu obradoiro da rúa Botica, serán unhas das protagonistas da romaría entográfica Raigame que o 17 de maio celebrarase en Vilanova dos Infantes e que estará dedicado aos “dulceiros” da provincia de Ourense, os actuais e os pasados. 

O presidente da Deputación, Luis Menor, e o alcalde de Celanova, Antonio Puga, como institucións organizadoras do evento, daban a coñecer onte, conxuntamente con Xavier Álvarez, do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, as novidades da edición número 21, que reunirá a 120 artesáns e varios centos de músicos e danzantes de 23 agrupacións de Ourense, Pontevedra, Lugo e Portugal na “romaría por excelencia da nosa provincia e unha das máis especiais e singulares nesta data na nosa comunidade”, dixo Menor, describindo a celebración con “un tesouro da nosa provincia que temos que mimar”.

De 11,00 a 19,00 horas as rúas e prazas do burgo medieval converteranse nun fervedoiro de artesáns e grupos que acoden para dar mostra da riqueza da cultura tradicional galega. “Cada ano temos máis peticións para poñer un posto en Raigame, sentimos e queremos transmitir as nosas desculpas porque non podemos atender todas as peticións porque o espazo no burgo é o que é”, dixo, convidando a que “nesta ponte festiva veñan todos a desfrutala a Vilanova”.

Entre as novidades desta edición destacan as visitas guiadas relacionadas co oficio dos canteiros que realizará a asociación “ViaxaMos no Tempo” para coñecer “as marcas na torre, a heráldica, as casas grandes, os muros…”, enumeraba Xavier Álvarez, do Centro da Cultura Popular. Tamén se celebrará un concurso de tartas para o público en xeral, ademais dos xa tradicionais obradoiros infantís, concursos de fotografía, microvideo e decoración de fachadas, e o servizo de transporte entre Celanova e Vilanova con dous autobuses históricos. 

Apoio e colaboración

Unha alborada polas rúas inaugurará a romaría que conta con varias citas de interese como  a misa cantada ás 11,30 horas pola Coral de Ruada, a entrega do premio honorífico Adolfo Enríquez que recollerá Concepción Fernández ás 13,30 horas e, ao terminar, a actuación dos Danzantes de Vilanova dos Infantes. O Grupo Castro Floxo clausurará a xornada ás 18,30 horas. Tanto Menor como Puga quixeron facer un recoñecemento público aos veciños de Vilanova dos Infantes, pola súa implicación coa romaría, e ao apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Abanca, ao Museo Entolóxico de Rivadavia, á Coral de Ruada e ao traballo desenvolvido desde o Centro de Cultura Popular “e o compromiso da Deputación, tamén do persoal de obras e de recursos humanos”, dixo o alcalde celanovés.

Te puede interesar