Pablo Devigo, paixón pola música

Entrevista

A música e a súa paixón dende a infancia. E o seu universo, co que se move polo mundo, perseguindo retos cada vez máis difíciles na dirección orquestral

FOTOS: JEFF NORRIS
FOTOS: JEFF NORRIS

Acaba de debutar como director de orquestra en España, coa Real Filharmonía de Galicia, pero a súa carreira comezou en Estados Unidos, despois dunha brillante formación que comezou no conservatorio de Ourense. Virtuoso da gaita e compositor, Pablo Devigo (Castro Caldelas, 1989) deixou atrás ambas as dúas actividades para centrarse de cheo na dirección orquestral.

1. ¿Cándo sentiu a chamada da música?

A verdade é que eu non recordo ningunha época da miña vida na que non estivera interesado pola música dun xeito ou doutro. O meu primeiro acercamento foi á música galega tradicional, aquí en Castro Caldelas. Comecei coa gaita e pouco a pouco fun achegándome á música clásica. Primeiro no conservatorio de música de Ourense, despois en Vigo, uns cantos anos, e fixen a carreira de composición en Oviedo e de aí foi cousa decantándose de forma natural ate a dirección de orquestra. O certo é que ningunha desas decisións foi planeada. Eu diría que todo seguiu un curso natural, a base de experimentar. Tiven a oportunidade de empezar dirixir en Oviedo así que o seguinte paso era especializarme en dirección de orquestra e para eso decateime de que tería que ir a Estados Unidos.

2. Unha vez tomada a decisión, ¿Que fixo?

Solicitei unha beca Fulbright para facer un master en dirección de orquestra.

Non debeu ser fácil, as Fulbright son becas moi solicitadas.

Si. Son becas que concede o Departamento de Estado, de Estados Unidos en colaboración co Ministerio de Asuntos Exteriores, no caso de España e aquel ano houbo unicamente dez becas. A puntuación é moi esixente, tanto no que se refire ó proxecto que pretendes desenvolver como no expediente académico, porque esixían ademais ter premio extraordinario de fin de carreira. Foi moi satisfactorio ter a máxima puntuación de toda España.

DSC_1591_final_resultado
DSC_1591_final_resultado

3. Xa tiña obra publicada, sobre todo para gaita, e algún premio. ¿Seguiu coa composición?

Eu empecei a compoñer para gaita o mesmo tempo que tocaba ese instrumento. Trátase de composicións para gaita e piano, outras para gaita soa e tiña algunha gravación feita. Todo esto antes de deixar de tocar, en 2014.

4. ¿Por que esa decisión?

Foi un xeito de queimar as naves. Non é que sexa incompatible a interpretación coa dirección de orquestra, pero era unha maneira de apostar definitivamente por esa liña a que eu quería dedicarme por completo. Interpretar era algo que me resultaba natural, familiar, pero si seguía facendo iso, imaxinei que entón nunca estaría ao cen por cento no que realmente me interesaba e que me resultaba máis complicado, non solo polo feito en si do feito de dirixir senón tamén porque tiña que ir a outro país e comezar de cero.

5. ¿Que facía antes de empezar a pandemia?

Estaba de director asistente nunha orquestra de Indiana, a Carmel Symphony Orchestra e paralelamente como instrutor asistente na Universidade de Indiana. A pandemia digamos que cambiou completamente todo o que tiña plantexado. Paralizouse toda a actividade, tanto na universidade como na orquestra na que traballaba e aínda non se reanudou. E se vamos as grandes formacións musicais, as que teñen máis presuposto, interromperon toda a súa actividade ate o inverno do ano que ven.

6. ¿E moi diferente respecto do que pasou aquí, en Europa?

Certamente. Aquí en Europa, as institucións culturais están apoiadas polos gobernos, as orquestras non suspenderon totalmente a súa actividade. Tanto en España como en outros países ou non se interromperon as actividades ou cando menos mantiveron o seu persoal, non o mandaron para casa.

7. Fóra de esta circunstancia ¿hai moita diferencia entre o modelo europeo e o americano?

A diferencia fundamental está na súa financiación. No caso americano, a meirande parte das orquestras fináncianse con doazóns, en moitos casos millonarias, e coas entradas. O que sucede é que o tempo de ensaio e de traballo está decidido en función da súa rendibilidade económica. Os ensaios son máis curtos porque hai que buscar a máxima eficiencia. Eu teño feito concertos con un único ensaio e o concerto ao público no mesmo día. E funciona perfectamente porque o tipo de traballo é distinto. En España, ou no resto de Europa non é así.

E ademais de ter o seu programa clásico, desenvolve concertos destinados a todos os públicos, con bandas sonoras de películas, por exemplo, para captar outras audiencias. En Europa, a meirande parte das orquestras dependen de institucións públicas, teñen o seu propio orzamento, e buscan outro rendemento máis aló do económico, buscando ao mesmo tempo preservar a propia actividade cultural. Aquí non veremos, como alá, tantos músicos actualmente na rúa, porque non hai traballo.

DSC_1537_final_resultado
DSC_1537_final_resultado

8. ¿Hai moita diferencia entre orquestras dun país a outro?

Houbo máis do que hai actualmente. Digamos que na primeira metade do século XX había moita máis diferencia, por exemplo, entre unha orquestra alemá e outra italiana. A globalización, tamén chegou ao mundo da música e os músicos móvense moito. Estudan en un país, traballan noutro... Si hai diferencia entre orquestras, moitas veces polo enorme orzamento que moven. Se falamos da orquestra do Met (Metropolitan Opera de Nova York), conta cun orzamento enorme. Non quero esaxerar, pero penso que ten máis que todas as orquestras españolas xuntas. O que non se traduce directamente en máis calidade. Aquí, por exemplo, as orquestras están orientadas a servir a súa comunidade. Por exemplo, a Real Filharmonía de Galicia.

9.¿Cabe no seu plan de futuro volver a España, a Europa?

Estou dándolle voltas ao asunto. Non tanto a España como a Europa. Agradaríame traballar nunha orquestra da Europa central, preferiblemente alemá. Alemaña, cun territorio máis pequeno que España ten tres ou catro orquestras que están entre as mellores do mundo. Pero o que máis me atrae e porque dentro da estrutura das orquestras alemás, e nomeadamente nos teatros de ópera, e que hai moitos roles, moitas prazas, a desempeñar por un director de orquestra. Eso por non sinalar que cidades do tamaño de Ourense teñen en Alemaña un teatro da ópera. En resumo, que hai moito traballo para un director no meu momento.

10.¿Coincide tamén co tipo de repertorio que prefire?

Digamos que teño por unha parte un repertorio que me gusta, que creo que vai máis co meu carácter que é o tardo romántico, Brahms, Richard Straus, Mahler ... e por outro un repertorio operístico que é o que te esforza a un maior nivel de preparación, é máis esixente.

Contenido patrocinado

stats