MOTOROS

Fin de semana de motos, concertos e rutas en Laza

A concentración “Motoro” de Laza fixo un alto na Praza Maior de Celanova. (Foto: José Paz)
photo_camera A concentración “Motoro” de Laza fixo un alto na Praza Maior de Celanova. (Foto: José Paz)
A aldea de Toro multiplicou por dez a súa poboación na sexta edición de “Motoros”

Un ano máis, e xa van seis, a xuntanza moteira “Motoros” encheu a pequena aldea de Toro, en Laza, con máis de 200 motoristas, multiplicando por dez a súa poboación. A cita, que comezou como unha pequena reunión de amigos, hoxe é unha das primeiras concentracións da tempada con participantes chegados desde diferentes puntos da xeografía peninsular.

Trala recepción inicial o venres na Praza da Picota de Laza, pola noite tivo lugar a primeira cea conxunta en Toro, cun menú tipicamente galego no que non faltou nin o caldo, nin os callos nin tampouco a bica. Onte á mañá saíron todos de ruta pola provincia.

Partindo dende Laza, no primeiro dos percorridos os afeccionados ás motos pasaron por Sarreaus, Xinzo de Limia e, pola Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés por terras de Bande, ata chegar a Celanova. Nesta última vila, a de San Rosendo, os motoristas protagonizaron as mellores fotos da xornada, xa que todos os participantes posaron para as cámaras na Praza Maior celanovesa, ateigada coas súas monturas, e co maxestuoso Mosteiro de San Salvador ao fondo.

Os moteiros comentando a xornada. (Foto: José Paz)
Os moteiros comentando a xornada. (Foto: José Paz)

Xogos e música

No camiño de volta a Toro pasaron de novo por Xinzo de Limia e tamén pola vila do Támega, Verín. A tarde e a noite do sábado transcorreu na aldea de Laza, onde os moteiros compartiron unha cea de confraternización na que desfrutaron da cociña tradicional galega e sentíronse como na casa. A programación organizada polo motoclube incluíu xogos, touro mecánico, o concerto de Antonio Luz e ata unha discomóbil.

Te puede interesar