FESTIVAL MUSICAL

Obradoiros e concertos no II Fest’Eiras de Laza

Imaxe dun concerto no Fest’Eiras do ano pasado (foto: Asociación Ultreia - As Eiras).
photo_camera Imaxe dun concerto no Fest’Eiras do ano pasado (foto: Asociación Ultreia - As Eiras).
A asociación sen ánimo de lucro Ultreia - As Eiras de atención ao peregrino repite por segundo ano consecutivo a celebración do festival musical Fest’Eiras, o vindeiro sábado, 6 de xullo, na pequena aldea de As Eiras

Unha vez máis, o acento estará posto en artistas mulleres. Os concertos, que se celebrarán no Palco das Cerdeiras, contarán coas actuacións da arousá Catuxa Salom, da lusa Eva Parmenter acompañada polo compatriota Caio Fernando, das Silveiras do Támega e do artista multidisciplinar galego Marcelo DoBode.

Durante todo o día haberá actividades para a cativada, grazas á Lucía Cedrón, e outras actividades culturais. Nomeadamente, dous obradoiros: un de danzas tradicionais europeas, a cargo da Eva Parmenter, e outro de pandeireta, por Nando Saa.

Refuxio para peregrinos

Cristian García, membro da asociación Ultreia, conta como no ano 2013 “mercamos unha casa nesta pequena aldea na que agora xa só viven tres persoas, co obxectivo de convertila nun refuxio para os peregrinos”.

O ano pasado quixeron “conmemorar os 10 anos da nosa labor”, xa que a asociación “sempre colabora con todo tipo de actividades e iniciativas”. Despois da organización dun magosto “enxebre”, o seguinte paso foi “este festival Fest’Eiras”.

O evento, completamente de balde, conta co apoio do Concello de Laza e da Deputación de Ourense.

Te puede interesar