A hostalería de Toén, na procura do pincho perfecto

Tras o éxito da primeira edición, seis bares de Toén compiten durante as dúas próximas fins de semana por ofrecer aos seus conveciños unha deliciosa tapa no concurso Toén a bocados.

Seis bares compiten este ano na segunda edición do Toén a Bocados, un concurso que o ano pasado foi “todo un éxito”, como explican os hostaleiros que participan nesta segunda entrega e que este ano volve con ilusións renovadas, con rivalidade sa e coas expectativas de ser, polo menos, igual de popular no muncipio que o ano pasado. O funcionamento é idéntico ao da pasada edición: nos establecementos participantes, entregarase un cartón, que se selará con cada pincho consumido e que posteriormente se meterá nunha furna, indicando cal foi o pincho favorito. Para que o voto sexa válido, será preciso obter catro dos seis pinchos como mínimo. Só por votar, tamén haberá regalos para todos os que apoien deste xeito á hostalería de Toén. O horario será de 19,00 a 22,30 horas e os días para participar son hoxe e mañán e os días 10 e 11.

David Padrón (Café Bar Venecia), Muriel Oberson (Bar Pazos), Daniel López (Taberna Grancas), Laura Salgado (Casa do peso), Teresa Prieto (Bar La isla) e Ángel Carballeda (Mexicano en Brasas) reuníronse onte na presentación desta competición, na que todos recoñeceron que está todo listo pero ningún quixo dar ningunha pista sobre que é o que teñen preparado para deleitar á veciñanza. 

O alcalde de Toén, Ricardo González, explica que, desta volta, “imprimíronse máis cartóns que o ano pasado porque xa na primeira fin de semana os bares estaban a quedar sen cartóns de toda a afluencia que houbo”. “Non sabemos cal vai ser a participación, pero estamos seguros de que, polo menos, igualará á anterior”, indica González.

A variedade está asegurada e todos, agás o restaurante Mexicano en Brasas, participaron na edición pasada, ofrecendo deliciosas  tostas, pratos tradicionais reducidos á súa versión tapa e mesmo guisos con cogomelos da zona recollidas polos propios hostaleiros para a ocasión. No que todos coinciden é que “faga o tempo que faga, estamos convencidos en que, coma o ano pasado, esta será a nosa mellor fin de semana de todo o ano, e o importante é que todos gocen do día e se apoie aos negocios”.

David Padrón defende título e indica que “a xente quedou encantada, foi unha auténtica sorpresa para todos o ben que funcionou esta iniciativa, tanto para nós como para os veciños”. Pola súa banda, Muriel Oberson, tamén repite e recoñece que o ano pasado “só unha hora despois de empezar xa vía que non íamos ter pinchos para todos, así que lle dixen ao meu fillo que parase no supermercado máis cercano para comprar provisións”. Incluso conta como precisaron camareiros e persoal na conciña de extra para as próximas xornadas.

Para Daniel López “o importante é participar”. O ano pasado fíxoo cunha cazola de marisco e este ano xa o ten todo listo. Laura Salgado participou na primeira edición cunha tosta de lomo con setas recollidas por eles mesmos. Laura ten o seu local en Moreiras, pero asegura que non notou “para nada” estar separada doutros establecementos participantes. 

Teresa Prieto recreou tres platos tradicionais en tapas na primeira edición. “Foi a mellor fin de semana do ano. A xente pídenos facer máis eventos así durante o ano”, recoñece. Ángel Carballeda é a primeira vez que participa e “as expectativas son máximas”.

Te puede interesar