PEDIATRÍA

Protestas polos recortes sanitarios en Ourense: “Queren que vivamos no rural, pero quítannos á nosa pediatra”

Veciños de Coles, onte na protesta ante o centro de saúde da localidade.
photo_camera Veciños de Coles, onte na protesta ante o centro de saúde da localidade.
Vecinos de A Peroxa, Amoeiro, Coles e Vilamarín esixen que se manteña a atención este verán

“Tiña programada unha revisión para un dos meus fillos en xullo e chamáronme o outro día para cambiala para o 15 de outubro”, asegura Marina Quintana, unha das moitas veciñas de Coles que durante este verán non poderá levar aos seus nenos ao pediatra. O Sergas decidiu prescindir deste servizo no centro de saúde da localidade durante a época estival. Un feito que afecta a uns 700 pequenos, xa que os concellos de A Peroxa, Amoeiro e Vilamarín teñen en Coles a asistencia sanitaria dos rapaces.

"Mándannos ir ata Ribadavia ou A Ponte, pero tampouco temos transporte público para chegar"

“A solución que nos dan é ir ata Ribadavia ou A Ponte”, explica María José García, presidenta da Asociación de mulleres A Casiña Artesanal. Esa é unha opción que non ven normal, xa que “conlevaría un traxecto que en moitos casos suporía máis de media hora en coche”. Ademais, se non dispoñen de vehículo propio “tampouco hai boas frecuencias de transporte público”. Neste senso, as nais e pais destes catro concellos afectados reivindican a importancia de ter acceso a un servizo sanitario completo. “Queren que vivamos no rural, pero quítannos a pediatra”, sinala Silvia Iglesias, veciña da Peroxa. 

"Non é normal que non teñamos pediatra, xa durante o ano só vén dous días por semana"

O BNG xa presentou no parlamento unha iniciativa parlamentar para tratar este recorte sanitario, co fin de poder solucionalo o antes posible. A de Coles non é a única incidencia neste servizo na área metropolitana, xa que en Pereiro de Aguiar o PSOE tamén reclamaba onte a cobertura de pediatría que leva sen existir na localidade dende 2020, obrigando a máis de 800 cativos a desprazarse ao centro de saúde de Valle Inclán da cidade

Te puede interesar