Opinión

Galiyiquia

Corifeo: Mulleres “XL” Tombadas no solpor… montes. Miro como chorades cegas toupas, sen ollos… fontes… serpes de po, brandos camiños, berces do vento… fentos. Tetas de terra, cadeiras vivas, paxaros no vento… sombras durmidas.

Pobo: Non lles son experto das letras que outros escribiron, mais hoxe tiven pensado celebrar esta festa , esta xuntanza con aquelas imaxes de infancia , que tanto ben me fixeron cando no meu peito entraron labregas, rústicas, pobriñas e se me quedaron para sempre tecedoras das feridas. Chegada a noite, esa vella tola, imos celebralo pendurando do ceo, ela e mais nós … un queixo de bola.

Corifeo: Galicia rústica está valeira. As fiestras “estrampadas” miran cara min con ollos de vidros rotos. Ninguén. A igrexa está pechada. Ninguén canta una canción na cociña. Ninguén unxe un par de vacas. Ninguén ten un meniño para tecerlle unha camisa de liño. Galicia rústica semella una velliña soa. O sol sae inútil e cae pola ladeira rodando como una mazá podre mentres sigo camiñando… E paréceme ben… Galicia: ti máis eu e máis cen, total seremos… Ninguén. 

Pobo: Canto amor, canto ir e vir, que fermoso aquel tempo que enguedellou esta tristeza, este solpor. Casiñas, pequenas meniñas, escadas, barroncas e cascadas, verde inmenso cheo de silvas. Onde dormen as fadas. As sombras agáchanse baixo as arbores, mentres raposas baixan polas corredoiras, e cheiran os ventos baixo os pinos pinaster que enchen e ocupan as ladeiras. Flores roubadas, fiollo e algunhas parvadas. Cordeiros tolos, as nubes, pastan no escuro do ceo e logo disolven no ar mañizas de algodón vello. O vento danos no rostro e produce afección, noxo, consternación, ata finais de agosto. Mentres algunhas pingadas salpican no “carreirón” e van deixando pegadas, ozono, lembranzas e bicos no fondo do Topetón.

Corifeo: Moito que facer. Aparafusar, achegar, equilibrar, enxugar, engraxar, diagnosticar, amañar, poñer a punto máquinas e homes ananos e mulleres, confesar, “ralbar”, pregar, meditar, parolar, pode que falar. Poñer en hora o corazón. Ao fin mecánicos somos de medos ancestrais… Amañadores de medos.

Pobo na Quintana dos Mortos (Santiago): Choran as ánimas polo camiño mentres a néboa borracha de viño baila a danza da morte nos nosos fuciños.

Ánimas vellas as súas lembranzas colgan das tellas e limpan as caveiras con brancos farrapos nos primeiros días de tódolos Santos. Que tristes lembranzas se gardan nos nichos e cantas esperanzas… convertidas en bichos. Os probiños defuntos brincan sen parar: ouá, ouá … coa Santa Compaña… que nesta noite… miramos brincar.

 A tarde gris e opaca comeza a sonear, e si Galicia se durme ímola despertar para que vexa aos seus fillos que se lle afogaran no mar. Ouá, Ouá… 

Da súa soneca ímola despertar.

Despertar… Despertar… Despertar.

Ouá.

Te puede interesar