Opinión

As grazas por dar a Justo Beramendi

Dúas semanas antes de morrer Benigno, un enxeñeiro de Riaño que arrancou a mina de caolín de Vimianzo, pediu que lle subira ata a montaña de León o ensaio ‘La España de los nacionalismos y las autonomías’, escrito a seis mans polos catedráticos de Historia Contemporánea José Luis de la Granja, Justo Beramendi e Pere Anguera. Estaba especialmente interesado no enciclopédico traballo “De provincia a nación: Historia do galeguismo político” de Beramendi, Premio Nacional de Ensaio 2008, pero aceptou o préstamo do primeiro para ler co último alento ao contarlle que o tocho de 450 páxinas estaba subliñado a conciencia porque evitou andar as apalpadas en choios de manutención ao xornal sobre os nacionalismos. “Pues me viene fenomenal porque soy hijo de guardia civil y pasé la infancia en Euskadi”, contestou.

Ao día seguinte o libro estaba no maleteiro para non faltar a palabra, pero cando o encargo chegou a Riaño dúas semanas despois Benigno ía xa camiño do cemiterio. No maleteiro seguía hoxe o ensaio cando ao aparcar o coche repicou o teléfono coa noticia do pasamento de Justo Beramendi (Madrid, 1941) de maneira repentina. Como un sentimento de respecto, a primeira reacción foi botar unha ollada a este traballo do gran estudoso do nacionalismo galego, partícipe da construción da simboloxía do país e galego porque quixo.

Logo apareceu una sensación de tristura por non chegar a tempo ou marchar Benigno antes. Tamén por non ser quen de darlle as grazas no seu momento a Justo Beramendi por iluminar o camiño cando tocou percorrer a vía nacionalista e galeguista, ademais de pedirlle desculpas por se nalgún texto foi algunha cita de menos. Nunca se presentou a oportunidade de entrevistalo e non pareceu acaído irlle con estas lerias na rolda de prensa dos actos que organizaba o Museo do Pobo Galego, do que foi cofundador en 1976 e presidiu ata hai dous anos. Pode que nas cañas despois dalgunha cobertura do 25 de xullo falara do tema con Mario, o seu fillo xornalista, o lamento de facelo en persoa queda para sempre. A capela ardente no auditorio do Museo do Pobo Galego abre hoxe ao público de 10 a 13 horas e logo celébrase un acto civil para despedir a esta figura da cultura galega. “Justo” punto final. Grazas.

Te puede interesar