O Congreso Científico Escolar chega a Trives

DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

Trives celebra esta semana o coñecemento científico co VII Congreso Científico Escolar no IES Xermán Ancochea

IES Xermán Ancochea.
IES Xermán Ancochea. | LA REGIÓN

Trives convértese esta semana no epicentro do coñecemento científico coa celebración do VII Congreso Científico Escolar, nos días 8 e 9, unha cita que reúne a alumnado de varios centros de ensino da montaña lucense e ourensá nunha xornada chea de experiencias, aprendizaxes e convivencia.

Este evento, que se celebra este ano nos CEIP e IES de Trives, está organizado de forma colaborativa polos centros participantes, nunha iniciativa que leva xa 7 edicións apostando pola divulgación científica desde as idades máis temperás. Durante o congreso, o alumnado de infantil e primaria presenta os seus proxectos nunha auténtica “Feira da Ciencia”, con stands preparados polos nenos. Pola tarde, desfrutarán dun taller sobre as consecuencias dos incendios forestais e posibles métodos de recuperación, seguido dun espectáculo científico.

En paralelo, o alumnado de secundaria participa en charlas divulgativas como a ofrecida polo equipo SpaceLab da Universidade de Vigo, centrada nos CubeSats, pequenos satélites de investigación. Tamén expoñen os seus propios proxectos no IES, con temáticas que abranguen dende a bioloxía e a física ata a historia, as matemáticas ou os valores sociais.

As actividades non se limitan á ciencia: os grupos de Primaria realizan unha carreira de orientación pola vila trivesa, mentres que os de Secundaria fan unha ruta de sendeirismo ata os sequeiros de Pena Folenche. Pola noite, mentres os máis pequenos participan nunha velada titulada “Os sentidos e a ciencia” e gozan dunha sesión de cine, os maiores asisten a unha observación astronómica guiada por un docente do IES trivés. Logo durmirán en sacos nos centros educativos.

A xornada do venres culmina cunha actividade lúdica conxunta na Estación de Montaña Manzaneda, onde o alumnado desfrutarán de diversas actividades antes de regresar aos seus centros educativos.

Contenido patrocinado

stats