Opinión

O Seminario de Estudos Galegos e Ourense

O pasado 12 de outubro foi o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos en Ortoño, no concello coruñés de Ames. Os obxectivos esenciais do grupo de intelectuais que lle deu vida foron a investigación e a divulgación do patrimonio cultural e natural de Galicia, creando equipos de estudosos que se ocupasen dunha realidade cultural practicamente desatendida nos programas docentes universitarios daquel momento: o descubrimento de Galicia dende as disciplinas do coñecemento científico que tiñan ao seu alcance, utilizando o territorio como un laboratorio. 

Con este fin, estruturaron o SEG en doce seccións temáticas con cadanseu coordinador. Foron as de Filoloxía, Arte e Letras, Etnografía, Historia, Prehistoria, Xeografía, Historia da Arte, Historia da Literatura, Pedagoxía, Ciencias Aplicadas, Ciencias Naturais e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas. Pero o amplo abano de temas que abordaban, non foi tratado hermeticamente, en compartimentos estancos, se non que actuaban cun método interdisciplinar, concentrado as distintas olladas da investigación en cada estudo que realizaban. Iso obsérvase con máis nitidez nas disciplinas de carácter humanístico. Cada unha das áreas estaba formada por especialistas, que buscaban o contacto coa investigación que se estaba desenvolvendo noutros territorios, especialmente en Europa. Dende ese punto de vista, Galicia nunca estivera máis presente na comunidade científica que naquel entón, cando comezou a estudar a súa propia realidade cultural cos métodos de investigación máis modernos que tiñan ao seu alcance. O ambicioso proxecto intelectual inspirábase, á súa vez na aplicación a Galicia das directrices da “Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas”, institución que, como ben saben, foi creada en 1907 baixo os auspicios da “Institución de Libre Enseñanza” e presidida polo científico Santiago Ramón y Cajal. Nese proxecto colectivo desempeñaron un papel esencial varios estudosos ourensáns moi relacionados co “Universo Nós”, como nos gusta chamarlles, porque o grupo do mesmo nome, institucionalizado coa creación da revista Nós e o SEG, actuaron como vasos comunicantes, sendo difícil distinguir as actividades duns e outros. Deste modo, Florentino Cuevillas foi o responsable da Sección de Prehistoria. Otero Pedrayo coordinaba a Sección de Xeografía e Vicente Risco a Sección de Etnografía. Deparen que este “cenáculo ourensán” foi o encomendado para estudar o territorio galego -Xeografía-, os inicios e a súa formación cultural -Prehistoria- e, como non, as claves culturais da sociedade galega do momento -Etnoloxía-. O SEG tivo unha edición propia, a revista “Arquivos do Seminario de estudos Galegos”, aínda que inicialmente publicou os seus traballos en “Nós”.

De especial interese son os traballos colectivos, sobre todo pola interdisciplinariedade que caracterizaba os obxectivos do propio SEG. Nelas destacaremos a presencia de investigadores ourensáns. Por orde cronolóxica, comenzamos por “Terra de Calvos”, editada en 1930. Foi autoría de Florentino Cuevillas e Xoaquín Lorenzo, “Xocas”. A segunda foi “Terra de Melide”, que viu a luz en 1933. Nela, coa participación de dez investigadores contribuíron os ourensáns Cuevillas, Risco, Otero Pedrayo e Xosé Ramón Fernández-Oxea “Benchosey”. Finalmente, “Parroquia de Velle”, publicada en 1936, autoría dos ourensáns Florentino Cuevillas, Vicente Fernández Hermida e novo, Xoaquín Lorenzo. Naquel 1936 estaba practicamente lista para a imprenta a cuarta obra colectiva, titulada “As terras de Deza”. O ambicioso traballo, con máis de mil páxinas, que non puido ser publicado. O mesmo e fatídico ano, o SEG foi disolto.

Te puede interesar