Levantaron o "maio", tal e como mandan os cánones da festa do Santo Cristo, un piñeiro de grandes dimensións que transportaran en carro o venres á noite.
Tras este acto, todos os que se apuntaran puideron participar nunha cea conxunta no mesmo sitio desde as 21,00 horas. A comida deu paso a continuación a unha verbena ata ben entrada a madrugada, a cargo da orquestra “M-3 Show”.
Os actos polo Santo Cristo continúan este domingo, cunha alborada amenizada polo grupo de música tradicional “Rebulir” a partir das 10,30 horas. Posteriormente, ás 12,00 horas sairá Eva da casa onde pasou a noite, relevando a súa identidade. Acompañándoa, os danzantes, Adán, Abraham, Isaac, o anxo, o ramo co galo e toda a procesión.
Á tarde terá lugar o sacrificio de Isaac e a loita de mouros e cristiáns, ante da misa solemne coa actuación do coro parroquial. Ás 18,00 horas, baile de Eva coa charanga “Los Támega”.