Xóvenes gardiáns do léxico en Trives

Algúns dos alumnos durante a execución do proxecto.
photo_camera Algúns dos alumnos durante a execución do proxecto.
Os alumnos do IES Xermán Ancochea Quevedo de Trives recompilaron léxico local, nunha base de datos de arredor de 200 palabras, agora conservado polo Instituto da Lingua Galega (ILG) no Tesouro da lingua galega e portuguesa

Este ano escolar, o alumnado do IES Xermán Ancochea Quevedo seguía un interesante proxecto acompañados da súa profesora de Lingua Galega, Íria Fernández Moscoso. O grupo de mozos emprendeu unha misión crucial para o futuro da súa cultura e lingua.

“A intención é que teña continuidade o ano que vén” afirma a súa profesora de Lingua Galega, Íria Fernández

Este proxecto, impulsado polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, non só buscaba salvagardar as palabras en risco de desaparecer, senón tamén conectar ao alumnado coa súa contorna máis próxima. Ao explorar o léxico patrimonial dos concellos de Manzaneda, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa e A Pobra de Trives, de onde son a maior parte dos estudantes do centro, os mozos aprenderon a valorar e respectar o seu patrimonio cultural. A súa profesora, quen guiou o proxecto en todo momento, valoraba moi positivamente que a través desta actividade fomentouse o uso do galego e a inmersión na comunidade, estreitando os lazos entre o alumnado e a súa veciñanza.

Este importante traballo de compilación fixo que o Instituto da Lingua Galega (ILG) incorporara léxico da contorna de Trives ao corpus do “Tesouro da lingua galega e portuguesa”.

Deste xeito, palabras como rendar (sachar a viña para quitarlle as herbas), acarúo (esquina da horta onde non chega o arado e a teñen que traballar a man) ou teta (peza de tripa que se deixa entre os chourizos) quedaran refrexadas nesta incorporación do léxico da contorna das terras de Trives, intentando evitar que caian no esquecemento e rematen desaparecendo.

Froito deste traballo é unha valiosa base de datos cunhas 200 palabras, accesible nesta ligazón: https://docs.google.com/spreadsheets/d/1KfOnkWuDYc49NkTfEqk5sMeqMmW2rbfseHghKFGdWQw/edit?usp=sharing.

A profesora de lingua galega do instituto, Fernández Moscoso, que foi guía fundamental neste proxecto, agarda que este sexa só o comezo dun longo camiño. O seu desexo é que cada unha das palabras recollidas sexa posta en valor e se utilice, procurando así que o rico léxico da comarca non caia no esquecemento e siga sendo parte viva e esencial da identidade galega, e ao mesmo tempo que cada ano se sigan sumando palabras a esta base de datos, facendo que alumnos da ESO e de Bacharelato indaguen no seu día a día, sendo coñecedores das palabras propias do lugar.

Te puede interesar