Opinión

Día das Letras con verbena

Pois si, outro columnista galegofalante que a miúdo escribe en castelán mudando de lingua polo Día das Letras Galegas. Aínda que sexa co gallo da efeméride instaurada pola Academia en 1963 para homenaxear cada ano a un creador literario –a primeira foi Rosalía de Castro–, mellor será que os xornalistas mergullen o corno no compromiso coa lingua e vaian menos lixeiros polas consultas no dicionario que despachar o día cunha lembranza da homenaxeada, que este ano é Luísa Villalta (1957-2004), coruñesa que tocou todos os paus da escrita (poesía, narrativa, teatro, ensaio, artigo e tradución) con boa man antes de que a morte por meninxite petara na súa casa mentres durmía.

Galicia é polo galego. O patrimonio máis importante de todos. Por iso rechama que as redes espallen críticas a un político socialista por falar un mal galego nunha rolda de prensa convocada para impulsar o seu uso oficial na Unión Europea. O peor galego é o que non se fala e o que non se escribe. Tamén custa comprender que ante o pacto pola lingua que ofreceu o novo conselleiro de Cultura, José López Campos, fillo de mestre de galego, a resposta en quente sinale que Alberto Núñez Feijóo impulsou o Decreto para o plurilingüismo. Os críticos coa política lingüística do PPdeG terán razóns dabondo, no entanto, que a Xunta cambie de opinión logo do relevo de Rueda por Feijóo e a mudanza dos mandos que ocupan San Caetano pode ser un novo chanzo para o galego. Non convén desbotar ningunha vía para o consenso.

O Día das Letras Galegas está anotado en todas as axendas por ser unha data festiva, e máis nesta edición que fai ponte, pero dende 2009 hai máis chamadas á protesta que festa nas rúas. Ademais do estudo da obra dos autores lembrados nos centros de ensino, poderíase organizar unha gran verbena con sede rotatoria na que actuasen as mellores orquestras e bandas do país, con performances, recitais e obradoiros para que cativos e adultos gocen da festa das letras. Gustaríalle até a Luísa Villalta, xa que a pegada da música está moi presente en toda a súa obra. Galicia é polo galego, tamén para os que non o falan pero o queren. Semella imposible non querer unha lingua tan rica e riquiña.  

Te puede interesar