REPORTAXE

Faíscas, a creatividade é terapia

Xoán Carlos Domínguez Alberte e a súa filla Minia Domínguez.
photo_camera Xoán Carlos Domínguez Alberte e a súa filla Minia Domínguez.
A arte como terapia ante unha grave doenza familiar resume Faíscas. O último poemario de Xoan Carlos Domínguez Alberte, ilustrado pola súa filla Minia Domínguez, é un exemplo de superación que o vindeiro venres darase a coñecer na cidade das Burgas.

Faísca é esa partícula incandescente que se produce polo choque entre determinados corpos, como a cinza que salta do lume. É tamén o nome do novo poemario de Xoan Carlos Domínguez Alberte.

O máis persoal e desgarrador traballo do autor de Escudeiros (Ramirás) xurdiu dunha situación familiar difícil, na que se mergullou a súa filla maior, Minia Domínguez, de 18 anos. “Faíscas é un libro de poemas que trata de dar desafogo a unha situación familiar moi difícil, en relación cunha doenza grave e mantida no tempo, case catro anos e moitas hospitalizacións”, lembra o poeta, quen, como nunha catarse ante o que lle estaba a ocorrer á súa filla, envorcou case en tempo real e sobre o papel unha partitura poética popular con moitas doses terapéuticas.

A primeira parte “son reaccións ao día a día da enfermidade. E a segunda tamén, pero xógase coa (im)perceptible complicidade da natureza. Iso é Faíscas”, resume Domínguez Alberte, quen recoñece que o proceso creativo “a min axudóume a facerlle fronte á adversidade durante moito tempo”.

Nunha desas idas e voltas ao hospital, e co poemario case rematado, Minia incorporouse ao proxecto e completou as páxinas con ilustracións que, ata ese momento, eran unha afección só compartida no ambiente familiar e coa súa libreta. “Como o libro trataba do tempo cando estiven enferma, como tiña algo que ver comigo, creo que lle dixen eu -medio de broma- de facerlle uns debuxos. Pensaba en algo máis íntimo, nada para publicar, pero acabámonos liando”, conta, xa recuperada, sobre un traballo que supuxo unha motivación en medio da adversidade. “Si que me facía ilusión facelo”, lembra esta estudante de bacharelato do IES Aquis Querquennis de Bande que sempre tivo claro dedicarse á rama sanitaria, pero sen deixar de lado o debuxo. “Teño proxectos en mente”, dixo cun longo verán por diante.

Nas presentacións feitas ata o momento (a seguinte será o venres en Ourense), o público destacou como, ante un problema moi importante de mala saúde, se pode enfrontar esa realidade, aparte da perspectiva terapéutica coa creatividade. O valor da obra, asente Domínguez Alberte, está no poder da poesía popular -poemas pequenos, todos de doce versos, tres estrofas e rima medida-, para tratar problemas de fondura existencial universal. “Na obra non se fai referencia a nada explícito. Tanto vale para un cancro como unha dor grave”, concluíu nun profundo respecto á intimidade familiar.

Te puede interesar