VIVENDA

Obras de mellora na praza de Picoutiños, en Cartelle

Espazo da praza de Picoutiños, en Cartelle.
photo_camera Espazo da praza de Picoutiños, en Cartelle.
A Consellería de Vivenda asumirá o 70% do coste, preto de 76.000 euros, e o Concello achegará o 30% restante

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestrutura asinará un convenio co Concello de Cartelle para a execución das obras de humanización da praza de Picoutiños, no lugar de Nogueiró, cun investimento de preto de 110.000 euros.

En relación ás obrigas dispostas nesta colaboración, a Xunta, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, asumirá o 70% do orzamento, preto de 76.000 euros, e contratará e executará as obras.

Pola súa banda, o Concello de Cartelle achegará o 30% restante do custe das obras, algo máis de 32.500 euros; así como a redacción do proxecto, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, e a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

O obxectivo desta colaboración é acondicionar a praza de Picoutiños para funcionar como área recreativa e de esparexemento, fomentado a actividade social e cultural e tratando de convertela nun lugar apracible para os veciños, o que redundará na mellora da calidade de vida da súa poboación.

O convenio será autorizado este luns no Consello da Xunta, e permitirá acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións. Este convenio producirá efectos a partir da data da súa sinatura e estará vixente ata o 31 de decembro de 2025.

Cómpre lembrar que esta actuación é a quinta comprometida no Concello de Cartelle ao abeiro do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.

O acordo de hoxe enmárcase na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Ademais, a través doutras medidas e liñas de colaboración como o Plan Hurbe, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados.

Te puede interesar