Os agricultores piden medidas contra os danos da fauna

Danos do corzo nun viñedo.
photo_camera Danos do corzo nun viñedo.

Os xabarís e nesta época do ano especialmente os corzos volven ser motivo de preocupación en determinadas zonas do Ribeiro polos danos que causan nos viñedos. Unións Agrarias refírese aos avistamentos constantes entre os cultivos e os viñedos, “o que augura problemas de cara a campaña que se inicia, de non tomarse medidas preventivas e disuasorias da presenza desta fauna no viñedo”, sinala.

A alarma dos produtores dáse en zonas como Carballeda de Avia, Leiro e Beade. Neste último concello, segundo afirma o sindicato, hai zonas libres de caza polo que “a responsabilidade do control de poboación do xabaril e dos danos que produza en cultivos, vén sendo directamente da Xunta de Galicia”.

Por todo iso, demanda da Consellería de Medio Ambiente a planificación de medidas de control de poboación e de danos nestas zonas libres, “de xeito que se poida ir por diante dos máis que previsibles danos que se van repetir no viñedo”. Nese senso, demanda igualmente un esforzo na coordinación e autorización de accións de caza puntuais,

A fin de trasladar a situación e establecer un plan de traballo coordinado, solicitou unha reunión coa Xefatura de Servizo de Patrimonio Natural.

Te puede interesar