CAMPUS

Só Isabel Mociño aspira a decana de Educación e Traballo Social en Ourense

Isabel Mociño.
photo_camera Isabel Mociño.
Isabel Mociño é a única aspirante a decana da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense

Isabel Mociño non ten rival nas eleccións para o decanato da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense. A súa é a única proposta, tal e como se desvelou onte trala proclamación definitiva das candidaturas para a escolla, que será o vindeiro luns. Mociño era ata agora vicedecana do centro e coordinadora do Grao de Educación Infantil, e leva sendo profesora dende 2012. A súa liña de investigación céntrase na literatura infantil e xuvenil e nas prácticas e contextos lectores.

Salvo un xiro inesperado dos acontecementos, Mociño sucederá a Xosé Manuel Cid, o decano saínte. Cid está a preparar a súa xubilación despois de 45 anos de docencia. Foi reelexido hai un ano como timonel da facultade, mais agora prepara un ano sabático de transición cara o cese da súa actividade laboral. “Son moitos anos xa, a miña misión está cumprida”, declarou.

Retornando á candidatura de Mociño, a proposta contempla a Ana María Iglesias, Jesús Deibe, María Isabel Doval e María José Vázquez como vicedecanos, así como a Raquel María Iglesias como secretaria. “Somos un grupo plural e diverso”, valorou Mociño, quen manifestou o seu desexo de “promover iniciativas que redunden na mellora dos propios títulos”, así como “da vida e desenvolvemento profesional das persoas que integramos esta comunidade”.

Como retos, Mociño apunta que de ratificarse a súa elección tratará de executar o Programa de Desenvolvemento Estratéxico do centro. Outras liñas de actuación serán as accións formativas conxuntas con empresas e institucións ou o fomento da investigación. Di aspirar a que a facultade “sexa un referente”.

Te puede interesar