CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O fornecedor de billares de Alfonso XIII

Rodríguez Prieto, Magdalena, con 8 anos, e varios cafés reformados por el, así como un dos edificios da súa autoría.
photo_camera Rodríguez Prieto, Magdalena, con 8 anos, e varios cafés reformados por el, así como un dos edificios da súa autoría.
Naceu en Casardeita (Ramirás) e foi atraído pola febre que espertaba no sur de Galicia a cidade de Lisboa. Chegou moi novo, traballou de sol a sol, entrou na escola de Belas Artes e fíxose ebanista, restaurador de mobles e fabricante de billares

A efeméride vivida a pasada semana polo monarca español, unido ó anuncio de que a súa sucesora fará a primeira viaxe oficial a Portugal, devolvéronme a mirada ó país veciño para rescatar, neste caso, a José Roríguez Prieto, un ourensán nacido no derradeiro tercio do século XIX, que viaxou a Lisboa co firme propósito de facer fortuna e vaia se o logrou, como restaurador de mobles, primeiro, e como constructor e innovador na fabricación de billares, un dos cales chegou a regalarllo ó mesmísimo Alfonso XIII.

Casardeita é unha aldeíña situada cara o nacente do val de Ramirás, nos lindeiros de Celanova. Alí naceu un día de 1869 un neno que non tardaría moito, dende que aprendeu as primeiras letras, en memorizar o sonoro nome de Lisboa, cara onde tiñan dirixido os seus pasos moitos veciños da franxa sur da provincia de Ourense, algúns dos cales xa volveran falando marabillas das oportunidades que ofrecía aquela cidade na que ningún galego se podía sentir estranxeiro.

Descoñezo se na decisión tivo algo que ver a estadía previa dalgún familiar ou dalgún veciño. O caso é que, con ou sen reclamos, co sangue fervendo por saír e uns azos irresistibles por coñecer novos horizones, aprender algún oficio e procurar unha boa situación económica, José artellou os modos e as maneiras para viaxar e alí e mergullarse no interior da abondosa colonia galega alí establecida, comezando a traballar no que lle aparecía, pero consciente de que o futuro pasaba inexorablemente pola formación.

Así que, no momento no que llo permitiu o coñecemento do idioma e outras circunstancias laborais no sector da ebanistería no que comezara humildemente a traballar, buscou tempo de onde non o había e matriculouse na escola de Belas Artes de Lisboa, onde -di o cronista de Vida Gallega, anos despois- “año tras año fue alcanzando triunfos que le hicieron destacarse sobre sus compañeros”.

Converteuse en mestre de taller e inicialmente centrouse na restauración de mobiliario e outros obxectos de arte antigo, “corriendo por toda Lisboa la fama de su habilidad y de su ciencia".

Montou un pequeno taller e a restauración de mobiliario achegouno á singularidade das mesas de billar, unha actividade que naquel momento gozaba de moito éxito en casinos, ateneos e vivendas ou mansións da alta sociedade lisboeta, conseguindo asentar no rexistro da propiedade intelectual e industrial de 1902una banda universal neumática adaptada para las bandas de mesas de billar”.

Isto abriulle un novo mercado e, sobre todo, o acceso a un tipo de clientela da elite social e comercial lisboeta, chegando a instalar algún dos billares por el construídos no Palacio de Belem, onde Alfonso XIII -gran afeccionado, parece ser, a este xogo- tivo oportunidade de probalo na visita oficial que fixo a Portugal en decembro de 1903.

Prieto foi convidado ó acto social de recepción do monarca español e cando tivo oportunidade de saudalo -relata o xornal La Época- “el señor Rodríguez Prieto ha ofrecido a don Alfonso un billar de su invención, que está guarnecido con banda neumática”. O rei aceptou gustosamente o seu ofrecemento e meses despois, o feliz fabricante viaxou a Madrid para montar, fachendoso, no Palacio Real a mesa, sendo recoñecido por iso como “Proveedor de la Casa Real”.

Pero, as inquedanzas empresariais de Rodríguez Prieto non se pararon aí, e alén da “Carpintería Moderna” xa situada entre as máis prestixiosas da capital, centrouse tamén na construcción urbana e, sobre todo, na reforma e decorado interior de establecementos hosteleiros da cidade, colocando o seu selo persoal fundamentalmente modernista, en locais que hoxe forman parte da memoria histórica lisboeta coma a “Brasserie Príncipe” ou os restaurantes Moderno, Pellon, Londres ou Central, alén dos prestixiosos cafés Madrid ou Suízo, o que “le ha permitido -di o cronista de Vida Gallega, Jaime Solá, en setembro de 1910- alcanzar una gran fortuna cuando apenas cuenta cuarenta y un años”.

Unha filla prodixio, o Centro Democrático Español e a defensa pública de Pablo Iglesias

Sala de billar do Palacio de Belém, coa mesa de José Rodríguez Prieto.
Sala de billar do Palacio de Belém, coa mesa de José Rodríguez Prieto.

Casado coa tamén galega María Martínez, coa que tivo tres fillas -María, Magdalena e Aurelia-, residente nun edificio deseñado por el na “avenida Pinheiro Chagas, una de las más modernas de Lisboa”, e dotado dunha situación económica e social envexable, Rodríguez Prieto reactiva a súa presenza en diversas iniciativas, non só relacionadas coa colectividade galega -que tamén-, senón incluso coa propia sociedade política e cultural portuguesa.

Nalgúns intres faino mesmo da man da súa filla Magdalena, “un caso de precocidad literaria digno de mencion admirativa” -di Jaime Solá-, dado que con só “ocho años escribe ingeniosos artículos literarios” e con ela chega a viaxar a Madrid comisionado para asistir ó IV centenario de Camõens.

Noutros faino no seo da colectividade galega, ofrecéndose, por exemplo, como deseñador dun monumento a Curros Enríquez para instalar (e nunca chegou) en Celanova, e, xa instalada a República, á fronte de colectivos coma o Centro Escolar Democrático Español “de nuestro entusiasta y rico paisano Rodríguez Prieto, hombre de entusiasmos políticos sinceros, que ya en tiempos de la monarquía portuguesa a nadie ocultaba -curiosamente- su filiación republicana”.

Nestes tempos -xaneiro de 1912- fíxose famosa unha polémica provocada pola visita a Lisboa do fundador do PSOE, Pablo Iglesias, con motivo da cal acusaron á sociedade presidida por Rodríguez Prieto de ser traidora a España por acoller unha conferencia do político ferrolano na que aseguraron que deu “pruebas de antiespañolismo”, acusacións que o ourensán rebatiu en carta pública, afirmando que a conferencia “tuvo entre sus párrafos un verdadero canto a la patria, por cuya dicha hizo fervientes votos y para la que pidio la cooperación de todos sus hijos”. “No de otro modo -concluía Prieto- hubiera podido hablar en un centro cuyo escudo va envuelto en los pliegues de la noble bandera española”.

Non debía ser, o ourensán, moi amigo de polémicas, pois tan só dous meses despois “El Pueblo Gallego” rexistra a chegada de “nuestro antiguo corresponsal en Lisboa y excelente amigo, quien en unión de su distinguida familia recorre en viaje de recreo la tierra natal”, prevendo visitar posteriormente Francia e Bélxica.

Te puede interesar