ENTREVISTA

Miguel Prieto, “Frai Chitín”: "Para a xente, o mellor entroido do mundo sempre é o do seu pobo"

Miguel Ángel Prieto “Chita” na pel do Frai Chitín.
photo_camera Miguel Ángel Prieto “Chita” na pel do Frai Chitín.
Miguel Ángel Prieto Sotelo, coñecido por todo Verín polo alcume “Chita”, herdanza do seu avó, naceu na rúa Mariano Carrero do casco vello verinés alá polo ano 1968

Este entroideiro de berce volve enfundarse na pel dun dos seus personaxes máis míticos, o Frai Chitín, este sábado ás 20,00 horas no Auditorio, na gala solidaria “O Noso Entroido: Frai Chitín con Nepal”.

Como era Chitín e cal foi a evolución ata romper en Frai Chitín?

Chitín vén de “Chitín de Verín”, un personaxe que tiven de neno da comunión. E cando fixemos o documental, pensamos que era un bo nome para outro personaxe, e de aí o Frai Chitín. O fraile non volveu saír máis dende a Gala do Entroido do ano 2020, e volve catro anos máis tarde por este evento benéfico. Frai Chitín xa está consolidado, pero os personaxes do Entroido cómpre non queimalos. Por iso só aparece de cando en vez por este tipo de actos especiais. Está aí e aparece ás veces, cando o chaman.

Chegou xa á conclusión de cal é o mellor Entroido do mundo?

Na película documental que fixemos, o Frai Chitín vai polos tres entroidos do Triángulo Máxico: Xinzo, Laza e Verín. E vaille preguntando á xente pola súa opinión. Pero a conclusión que eu saquei de todo iso é que ao final, en cada pobo din que o seu é o mellor Entroido do mundo. E para chincharme, algúns de Verín, que me coñecen, dicíanme que “o de Xinzo!”

Como o convenceron para volver aparecer no Auditorio verinés?

Óscar Conde, xunto co Carlos Méndez Damorín e máis eu, fomos sempre os tres que saímos no Entroido. Con motivo da viaxe en moto dende Santiago a Nepal de Conde, pensamos en organizar algo para que leve unha recadación á ONG, que ten un comedor social de nenos e nenas en Katmandú.

Que pode esperar a veciñanza de Verín nesta gala?

O noso espectáculo dura dúas horas, documental incluído, e consistirá nunha festa cunha serie de actuacións co humor como fío condutor. Haberá música, actualidade e tamén un sorteo. Pero sobre todo, entretemento e interacción co público. Queremos que a xente se anime a vir, aínda que a data sexa complicada, porque é unha boa causa. As entradas só custan 5 euros e hai unha fila cero para colaborar a 2 euros.

Te puede interesar