Opinión

A TRIBUNA. Luminoso acontecer

Se souberamos o número de imaxes que se producen cada día chegaríamos a escandalizarnos. A democratización do medio, mercé a informática, fixo deste, un medio accesíbel, unha especie de extensión infinita da realidade, no que, ás veces, resulta difícil distinguir o contido do continente.


Nesa inflación visual, todas as imaxes teñen un dono, pero non un autor. Interpreto a autoría como unha especie de exercicio de estilo, de firma, que fai dese entorno fotográfico un uso persoal e intransferíbel. O importante do feito fotográfico en si, non é o número de rexistros, senón a calidade, intención e, sobre todo, disposición da mirada.


Para un pintor, a luz é unha extensión inseparábel da súa percepción, da súa vida. Un pintor convertido a fotógrafo, percíbese a distancia. A mirada de Manuel Vázquez (Santiago de Compostela, 1969) é das que se te descoidas aínda rezouma o cheiro dos pigmentos.


Se na fotografía a luz é un argumento primordial, nestas imaxes o argumento é dramático; é o primeiro que chama a nosa atención. Estamos ante fotografías construídas no límite, se por tal entendemos ese lugar onde cada unha delas alcanza un punto de luz próximo ao xerminal, tamén onde remata. Parten sempre dunha estratexia tan sinxela, ou complexa, como a realidade en si mesma: unha panorámica da cidade, unha acumulación de coches, viandantes camiño do traballo, un atasco; o entorno máis próximo é o que reclama a súa atención, e por extensión a nosa. Simplista, que dirán vostedes, pero coidado, nesa familiaridade, nese universo cotiá pode haber moito engano.


Manuel Vázquez fragmenta os motivos, desenfoca as imaxes, fai un espléndido uso da repetición. Moitas das súas imaxes dan a impresión de parecerse como unha gota a outra, a súa fortaleza radica no instante mesmo da contemplación, nese acomodo coa realidade no que el establece o quebro: unha distorsión, un pequeno varrido para que a disposición xa non sexa a mesma, para que ninguén de nós perciba no cotiá un universo no que atopemos acomodo.


Nesa fuxida da realidade, no instante mesmo da contemplación, que no fotográfico semella unha extensión do real, e na evocación destas paisaxes remarcadas pola luz, manifestamente exquisita, é verdadeiramente onde o autor establece todo o seu enunciado poético. Para rematar, hai dous exemplos conmovedores: un deles, o xogo que fai no aparcadoiro da Citroen en Porriño, asentado sobre unha antiga lagoa, Vázquez desenfoca a imaxe do vídeo até conseguir o mesmo efecto visual da auga, fermosa metáfora; o outro, a serie de bodegóns fotográficos feitos coa luz proveniente dun televisor, que dependendo do contido dos programas, transmite un tipo de luz ou outra: magnífico! A exposición pode resultar fría, esixe un pequeno esforzo, pero paga a pena indagar nas claves do autor. A montaxe, tan orixinal como a propia obra.


Inverso urbán, de Manuel Vázquez. Centro Cultural Deputación.

Remata o 2 de decembro.

Te puede interesar